Concello de Narón
Novas
UNS 350 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O DOMINGO NOS CAMPIONATOS GALEGOS BENXAMÍN, PREBENXAMÍN E A COPA ALEVÍN DE VOLEIBOL
A cita deportiva está organizada polo Concello, a Federación Galega de Voleibol e o Club de Voleibol Narón Volea
Narón, 19 de xaneiro de 2023. O alcalde accidental de Narón, Manuel Ramos, presentou xunto co presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna; o concelleiro de Deportes, José Oreona, e a presidenta do Club Narón Volea de Voleibol, Eva Romero, os Campionatos galegos benxamín, prebenxamín e a Copa Alevín que se celebrarán este domingo na cidade. A cita, na que participarán máis de 60 equipos e sobre 350 deportistas desenvolverase nas instalacións do pavillón da Solaina e o de Campo da Serra. Ramos agradeceu a colaboración da Federación Galega de Voleibol e a confianza depositada para celebrar na cidade a primeira proba da edición deste ano das catro que se programarán en Galicia para proclamar ás campionas e campións galegos. Así mesmo, destacou o traballo realizado polo Club Narón Volea no ámbito deportivo da cidade. O presidente da FGV subliñou a importancia desta competición de categoría base, que definiu como “a máis importante” e agradeceu ao Concello de Narón “o apoio e todas as facilidades que nos deu para traer a esta cidade esta competición tan complexa de organizar polo volume de participantes”. Luna valorou tamén o traballo do club local e a súa traxectoria deportiva dentro e fóra de Narón. A presidenta do Club de Volei Narón Volea pola súa banda, recordou que participarán o citado club e o Aldebarán de San Sadurniño, en representación da comarca, xunto a outros procedentes das provincias galegas. Dende o Concello, Ramos e Oreona animaron á cidadanía a acudir ao evento, que terá lugar entre as 10.00 e as 18.30 horas nas citadas instalacións municipais.
www.naron.es