Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA VISITOU AOS PARTICIPANTES NO ERASMUS SPORT GSM NO QUE PARTICIPA O CLUB TENIS DE MESA NARÓN
A rexedora local, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, reuníronse co presidente do club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, e deron a benvida aos deportistas croatas, portugueses, italianos e franceses
Narón, 20 de xaneiro de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, desprazáronse esta mañá ás instalacións do club Tenis de Mesa Narón, na Solaina, para reunirse cos participantes no Erasmus Sport GSM e o presidente do club local, Fernando Montero. A iniciativa, tal e como apuntou Ferreiro, consiste nun intercambio internacional no que participan deportistas de Narón e tamén de Portugal, Francia, Italia e Croacia. “Quero felicitar ao club Tenis de Mesa Narón por sumarse a esta iniciativa internacional na que os participantes comparten un tempo de aprendizaxe e confraternización abordando non só temas vencellados ao deporte senón tamén ao medio ambiente”, subliñou a alcaldesa. Ata a cidade desprazouse unha comitiva de dezaséis deportistas dos citados países, aos que se suman catro adestradores e os catorce integrantes do Tenis de Mesa Narón que participan neste Erasmus Sport GSM. Dende o club local, Montero explicou que “este campus deportivo comezou o xoves e rematará este domingo, uns días nos que ademais de realizar torneos os participantes intercambiamos opinións que nos levan a coidar o medio ambiente, como evitar o uso de botellas de plástico, reciclar as pelotas que xa non usamos no tenis de mesa para facer chaveiros…”. O representante do club avanzou que no mes de abril ou maio os deportistas locais que participan na convocatoria desprazaranse a Croacia, no mes de setembro a Portugal e xa o vindeiro ano a Francia e Italia. Ferreiro e Oreona deron a benvida á cidade aos deportistas internacionais e interesáronse pola súa opinión sobre esta convocatoria. Así mesmo, felicitaron aos deportistas locais pola súa implicación e dedicación a esta disciplina deportiva, desexándolles moitos éxitos na presente tempada.
www.naron.es