Concello de Narón
Novas
O CONCELLO E O CLUB ATLETISMO NARÓN ORGANIZAN A CARREIRA "10K NARÓN" E ABREN MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓNS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento co edil de Deportes, José Oreona, e Andrés García e Rebeca Soto, directivo e coordinadora, respectivamente, do Club de Atletismo Narón
Narón, 7 de marzo de 2023. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron hoxe xunto con Andrés García e Rebeca Soto, directivo e coordinadora, respectivamente, do Club de Atletismo Narón, a primeira carreira popular de Narón 10K, unha proba inlcuída no calendario oficial das competicións da Federación Galega de Atletismo. Ferreiro avanzou que o evento se desenvolverá o vindeiro 9 de abril por un circuíto da zona urbana e indicou que as persoas interesadas en participar poden inscribirse dende mañá a través da páxina web da FGA: www.carreirasgalegas.com ata o 4 de abril ás 23.59 horas. A alcaldesa animou á cidadanía a inscribirse neste evento deportivo, coincindo co club local en que confían na continuidade do mesmo nos vindeiros anos. As categorías absolutas serán de dez e cinco quilómetros, con saída e meta do pavillón polideportivo municipal da Gándara e o comezo da primeira quenda ás 10.00 horas. Entre elas están a sub 18 (nados 2007/2008) cun tramo de 5.000 metros; sub 16 (nados 2007/2008) e 2.500 metros; sub 14 masculino e feminino (nados 2009/2019) de 1.500 metros; sub 12 masculino e feminino (nados 2011/2012) para percorrer uns 800 metros; sub 10 masculino e feminino (2013/2014) con 600 metros e peques (nadas/os nos anos 2015 e posteriores) cun tramo de 150 metros e saída sobre as 13.15 horas, para pechar o evento. En canto ás restantes categorías, haberá a sub 20, para nados/as en 2003 e 2004; sub 23, para os de 2000, 2001 e 2002; sénior, nados/as dende 1999 ata os 34 anos; máster 1, de 35 a 44 anos; máster 2, de 45 a 54 anos; máster 3, de 55 a 64 e máster 4, a partir de 65 anos. Dende o Club de Atletismo Narón aseguraron que se trata dun circuíto “moi rápido” e agradeceron a colaboración do Concello “en todo momento”. Ademais recoñecen afrontar “con ilusión” esta carreira cun circuíto que esperamos que se consolide a nivel autonómico e nacional” e agradeceron a implicación dos colaboradores. O prezo de inscrición neste evento é de 6 euros en tarifa reducida, ata o 27 de marzo, e de 10 no prazo ordinario, ata o 4 de abril. Os dorsais entregaranse o venres e sábado previos á proba e tamén o día da competición ata as 9.00 horas no pavillón polideportivo municipal da Gándara, instalacións nas que o día da proba se ofrecerá servizo de gardarroupa, duchas e aseos. Haberá trofeos para as tres persoas mellor clasificadas e tamén un sorteo de agasallos ao remate do evento entre todos os dorsais, que optarán a zapatillas de deportes, cestas de produtos, bonos de spa e de ximnasios, vales para ceas… Así mesmo, os participantes na carreira da categoría de peques recibirán todos unha medalla.
www.naron.es