Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 250 MENORES PARTICIPARÁN MAÑÁ NO CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE PIRAGÜISMO K2 E C2
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada por Santiago Álvarez e Miguel Ángel Blanco, directivo e adestrador respectivamente do Club de Piragüismo Narón
Narón, 12 de maio de 2023. A enseada de Xuvia acollerá mañá o Campionato galego infantil K2C2 Cidade de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o evento acompañada por Santiago Álvarez e Miguel Ángel Blanco, directivo e adestrador, respectivamente, do Club de Piragüismo Narón. A rexedora local destacou o feito de que a cidade acolla este campeonato autonómico, no que participarán segundo avanzou 260 nenas e nenos de entre 13 e 14 anos. “O ano pasado celebramos o campionato provincial e este ano damos un paso máis co autonómico, que se convocou na categoría infantil en barcos kayak (K2) e canoa (C2)”, explicaron os representantes do club local. Así mesmo, avanzaron que estarán representados trinta clubs galegos, procedentes de todas as provincias. O traxecto que percorrerán será de tres quilómetros, que farán en dúas voltas nas respectivas embarcacións, un total de 130. A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu o labor do Club de Piragüismo Narón e a súa aposta por continuar fomentando a práctica deste deporte na cidade. En relación coa cita de mañá desexou moita sorte aos deportistas locais, “que en cada adestramento e competición na que participan deixan sempre moi alto o listón do deporte da nosa cidade”.
www.naron.es