Concello de Narón
Novas
A "XVI CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN" E AS "XI XORNADAS DE TURISMO ACTIVO" ARRANCAN MAÑÁ NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA
O evento reunirá esta fin de semana en Xuvia a centos de afecionados ao mundo do motor
Narón, 1 de xuño de 2023. O paseo marítimo de Xuvia acollerá a partir de mañá e durante toda esta fin de semana a “XVI Concentración Moteira Cidade de Narón”. Afecionados ao mundo do motor chegados de diferentes localidades daranse cita nesta consolidada convocatoria que reúne en cada ano na cidade a centos de persoas para desfrutar dun completo e variado programa que inclúe as “XI Xornadas de turismo activo”. Ás 18.00 horas de mañá venres inaugurarase a concentración moteira e, ao mesmo tempo, abrirase o prazo de inscrición nas comidas e ceas que haberá baixo unha carpa en Xuvia tanto na xornada do venres como o sábado e o domingo. Un mercadillo moteiro e atraccións infantís completarán a programación da xornada, na que ás 22.00 horas actuarán, tamén no paseo de Xuvia, os grupos Keepers, Assia e The Rock Legend. Os concertos, así como o resto de actividades, son abertas á participación da cidadanía en xeral. O sábado retomarase a programación ás 9.00 horas, cun almorzo moteiro baixo a carpa e ás 10.00 horas abriranse as inscricións de novo e o mercadillo moteiro. Unha hora máis tarde, no marco das Xornadas de Turismo Activo, os moteiros que queiran poderán participar na ruta dende Xuvia ata Cedeira, para regresar sobre as 14.00 horas e desfrutar en Xuvia dun xantar a base de empanada galega e paella. Ás 17.30 horas haberá unha exhibición de trial no paseo de Xuvia, con Kabra Bike Show: Juanda de la Peña e Víctor Palomares e ás 21.00 horas comezará unha churrascada baixo a carpa á que seguirá a entrega de trofeos aos participantes. Ás 23.30 horas dará comezo o tradicional e concurrido desfile dos fachos pola estrada de Castela, dende Xuvia ata a Ponte das Cabras, no que os moteiros, e tamén o público, portarán candeas que iluminarán ao seu paso polo citado vial. O programa do sábado completarase con música, a partir das 00.30 horas coa Festa Moteira na que actuarán o DJ Frisco e Marcos Peón. O domingo continuará o evento cun almorzo moteiro en Xuvia, ás 10.00 horas, previo a unha nova ruta turística que partirá ás 11.30 horas dende Narón ata Valdoviño. Ao mediodía, ás 13.00 horas, dará comezo a sesión vermú, con Patry Prados, e ás 14.30 terá lugar o xantar baixo a carpa, cun menú a base de langostinos á prancha e xamón escaldado. Trala comida sortearanse varios agasallos entre os participantes e ás 16.00 horas rematará esta nova edición da concentración moteira.
www.naron.es