Concello de Narón
Novas
UNS 200 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NA "V BANDEIRA CIDADE DE NARÓN"
O concelleiro en funcións de Deportes, José Oreona, presentou esta tarde xunto con Ignacio Cabana e Bruno Vidal, presidente e tesoureiro, respectivamente, do Club de Remo Narón
Narón, 15 de xuño de 2023. O concelleiro en funcións de Deportes, José Oreona, presentou esta tarde xunto con Ignacio Cabana e Bruno Vidal, presidente e tesoureiro, respectivamente, do Club de Remo Narón, a “V Bandeira Cidade de Narón”. O evento, no que participarán uns 200 deportistas procedentes de doce clubs de toda Galicia, desenvolverase este sábado na enseada da Gándara. A maiores do Club de Remo Narón participarán os de Ares, Bueu, Chapela, Tirán, Rianxo, Castropol, Cabo de Cruz, Mecos, Cesantes, Samertolameu (Meira) e da Pobra do Caramiñal. Esta segunda xornada da Liga Galega de Traiñeiras que se celebrará na cidade dará comezo ás 16.45 e rematará sobre as 18.30 horas, tal e como indicaron os representantes do Club de Remo Narón. Dende o club agradeceron a colaboración do Concello naronés e dos patrocinadores deste evento. Oreona recordou que a pasada semana, na xornada de presentación no lago das Pontes os naroneses acadaron un sétimo posto, polo que este sábado partirán na segunda tanda. O edil naronés desexou moita sorte neste evento deportivo a todos os participantes, e de xeito especial ao club local.
www.naron.es