Concello de Narón
Novas
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NAS PROBAS DO TRISHARK NARÓN 2023 QUE SE DISPUTARÁ O VINDEIRO MES DE AGOSTO
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron o evento con Jorge García, director de competicións da Federación Española de Triatlón.
Narón, 26 de xullo de 2023. As persoas que desexen inscribirse no Trishark Narón 2023, que se celebrará o vindeiro 5 de agosto na cidade, dispoñen de prazo ata o vindeiro martes 1 de agosto (14.00 horas), incluído, para realizar os trámites a través da web da Federación Españoña de Triatlón, na web: www.fegatri.org, onde está toda a información do evento. Así o anunciaron o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, xunto con Jorge García, director de competicións da Federación Española de Triatlón. Guerrero recordou que se trata dunha das probas deportivas máis importantes de Narón e do mundo do tríatlon nacional e que, cunha asistencia prevista duns 500 deportistas, será clasificatoria para o Campìonato de España da modalidade. A cita deportiva, organizada polo Concello, a Agrupación Deportiva Náutico de Narón e as federacións española e galega de tríatlon desenvolverase no paseo marítimo de Xuvia, con saída da proba masculina ás 18.40 horas. A continuación sairá a proba popular feminina e ás 19.50 sairá a categoría masculina para o Campionato de España e ás 20.00 horas a feminina. A distancia da proba popular será de 750 metros de natación, 18 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira e no caso do Campionato de España serán os mesmos metros de natación e de carreira pero 22 quilómetros en bicicleta. Co Trishark Narón chegarán á cidade recoñecidos deportistas, como David Castro de La Roda (Albacete), recentemente proclamado campión de Europa de tríatlon; Miguel Guzmán (Valencia), Carlos Oliver (Portugalete), Julen Andueza (Navarra), segundo clasificado na cidade en 2022, o mexicano Erik Yamir, o internacional sub 23 Thomas Dixson por Gran Bretaña ou o esloveno Jakonb Maminc… Entre os locais destacan Iván Puentes (Tri Ferrol), Pablo Freire, Iago Lorenso e Denis Incutti, do Náutico de Narón, e na categoría feminina María Varón (Infinity de Móstoles e campiona de España de dúatlon internacional, Esther Gómez (Valladolid), Marta Cabellos (Diablillos de Rivas, Madrid), que rematou segunda na edición de 2022 ou María e Raquel Alzaga, recentemente proclamadas subcampionas da Liga Nacional co Náutico de Narón. Haberá tamén unha ampla participación de clubs galegos, como o Inforhouse de Santiago, o Fluvial de Lugo, o Delikia de Vigo, San Ramón de Vilalba, Tríatlon Compostela, etc. A triatleta naronesa Sara Guerrero estará ausente da proba por ser unha das convocadas para disputar o campionato de Europa SuperSprint en Turquía xunto á súa compañeira de equipo, Iratxe Arenal, que o fará na categoría sub 23. Como novidade, este ano inclúese no programa unha proba popular de acuatlón de promoción para as categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, que se disputará na tarde do venres día 4 de agosto. O edil de Deportes de Narón e o representante da Fetri destacaron a importancia da colaboración e da implicación do Náutico de Narón para desenvolver unha nova edición deste evento na cidade, ao que animaron a asistir á cidadanía.
www.naron.es