O ESTADIO DE RÍO SECO ACOLLERÁ A VINDEIRA FIN DE SEMANA O "VIII TORNEO INTERNACIONAL CIDADE DE NARÓN"
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento compañado por directivos da Sociedade Cultural e Recreativa "Narón-O Freixo" e da RFGF
Narón, 2 de setembro de 2023. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto ao presidente e directivo da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, Rafael Pazos e Juan Carlos Vázquez, respectivamente, e o delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, o VIII Torneo Internacional Cidade de Narón. O evento deportivo celebrarase os días 9 e 10 de setembro nas instalacións do estadio de Río Seco nas categorías alevín e benxamín de fútbol 8, tal e como apuntou Santalla.
Máis de medio milleiro de deportistas procedentes de corenta equipos participarán nesta convocatoria, organizada polo Concello e a S.C.D.R. Narón-O Freixo en colaboración coa RFGF. A maiores dos equipos da entidade deportiva local xogarán no torneo outros procedentes de clubs como o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Racing de Ferrol, a Cultural Leonesa, o Sporting de Lisboa, o Sporting de Braga
entre outros. Os partidos do sábado disputaranse entre as 16.00 e as 23.00 horas, se ben os do domingo terán lugar dende as 10.00 ata aproximadamente as 20.0 horas.
O delegado da RFGF asegurou que é un orgullo que este torneo poña no mapa o fútbol base a nivel internacional neste concello e tamén poder colaborar na organización do evento dende a Federación Galega. Yáñez agradeceu no seu propio nome e no do presidente desta institución o traballo realizado tanto polo Narón-O Freixo como polo Concello de Narón, sempre disposto a realizar actividades deportivas e formativas.
O presidente do Narón-O Freixo destacou a participación de destacados clubs neste evento, entre eles o Sporting de Braga, campión da anterior edición do torneo e que ten o equipo principal da Liga de Campións, ou o Sporting de Lisboa, entre outros.
Finalmente, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, agradeceu tamén o traballo da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, un dos clubs con máis deportistas na cidade e dos máis consolidados, fundado hai máis de tres décadas, e tamén o respaldo da RFGF a esta e outras iniciativas vencelladas co fútbol na cidade.
Dende a organización animaron á cidadanía a acudir a este torneo para desfrutar dunhas xornadas de fútbol na cidade e apoiar ao deporte e aos deportistas que participarán no mesmo.