Concello de Narón
Novas
A CIDADE ACOLLERÁ A MEDIO CENTENAR DE PERSOAS NO "XIV TORNEO DE TENIS DE MESA POLA SAÚDE MENTAL"
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe a convocatoria acompañado por Félix Pena, presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; Paula Díaz, terapeuta ocupacional da citada entidade, e Fernando Montero, presidente do Club Tenis de Mesa Narón.
Narón, 11 de setembro de 2023. O Concello de Narón e a asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración coa federación Saúde Mental FEAFES Galicia, e o Club Tenis de Mesa Narón organizaron para este xoves 14 de setembro o XIV Campionato de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán catro asociacións e tres delegacións de FEAFES procedentes de toda a comunidade autónoma. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe a convocatoria acompañado por Félix Pena, presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; Paula Díaz, terapeuta ocupacional da citada entidade, e Fernando Montero, presidente do Club Tenis de Mesa Narón. O torneo terá lugar no pavillón municipal Campo da Serra (Avda. Santa Icía nº27, Narón) dende as 10:00 ata as 14:00 horas. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán arredor de 45 participantes. Trala celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios coa presencia de Ibán Santalla, concelleiro de Deportes; e María Lorenzo, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Política Lingüística. Posteriormente, as persoas asistentes celebrarán un xantar de convivencia. As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a sete asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alume (Lugo), ASPANEPS (Ferrol), Doa (Vigo e Cangas), Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón) e Saúde Mental FEAFES Galicia (Lugo, Vigo e Santiago). O concelleiro de Deportes agradeu a a asociación e o club locais o seu traballo nos ámbitos socio sanitario e deportivo, respectivamente, ao longo do ano. “Este evento é unha mostra máis da importancia do traballo conxunto na procura de promover esa tan necesaria igualdade real na nosa sociedade, ofrecendo as mesmas oportunidades ás persoas e programando eventos pensados para diferentes colectivos” Pola súa banda, o presidente e a terapeuta ocupacional de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal agradeceron a colaboración do Concello e do Club Tenis de Mesa Narón. Pena destacou que esta actividade “permite á xente interactuar e saír das súas rutinas diarias, ofrecendo tamén un tempo de descanso ás familias”. Finalmente, o presidente do Club Tenis de Mesa Narón asegurou estar “encantado de colaborar con este campionato” e asegurou que dende a entidade “estamos sempre abertos a colaborar con diferentes colectivos para promocionar o tenis de mesa”. O torneo ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal amosa á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade. As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os e as participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados. Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal Naceu en 1995 impulsada por un grupo de persoas que decidiron formar unha asociación para promover o benestar das persoas con problemas de saúde mental na área sanitaria de Ferrol, contando para iso coa colaboración de varios profesionais deste ámbito. Actualmente, conta con dous Centros de Rehabilitación Psicosocial (en Narón e en Cerdido), un Centro Ocupacional e varios pisos protexidos. Nestes dispositivos desenvólvense actividades que promoven a saúde e o benestar das persoas con problemas de saúde mental, a súa recuperación psicosocial e laboral, a integración dos usuarios e usuarias no seu entorno e o apoio ás familias e persoas achegadas mediante axuda mutua, xestión de recursos e soporte social. Saúde Mental FEAFES Galicia A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
www.naron.es