Concello de Narón
Novas
O CONCELLO E O CLUB DE GOLF CAMPOMAR ORGANIZAN O "XVI TORNEO DE GOLF CIDADE DE NARÓN"
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de golf Campomar, Francisco Castro, informaron que as persoas interesadas en participar poden inscribirse
Narón, 18 de outubro de 2023. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá acompañado por Fracisco Castro, presidente do Club de Golf Campomar, a décimo sexta edición do “Torneo de golf Cidade de Narón”. O evento desenvolverase esta fin de semana, o venres e o sábado, no Club de golf Campomar (no lugar de Vilacornelle, na parroquia do Val), e aínda permanece aberto o prazo de inscrición para poder participar. Na xornada do venres dará comezo o torneo, ás 15.00 horas e o sábado será ás 9.00 e ás 15.00 horas. Disputaranse as modalidades stableford individual e hándicap e haberá dúas categorías, unha ata 18,4 e outra de 18,5. Entregaranse premios ao campión scratch e tamén para os primeiros e segundos clasificados HCP de primeira e segunda categoría e tamén á mellor dama e ao/á mellor sub-30. A entrega de premios terá lugar ao rematar o torneo, sobre as 19.30 horas, momento no que tamén se sortearán varios agasallos entre as persoas que participen no mesmo. O prazo de inscrición pechará mañá ás 16.00 horas para o xogo do venres e o venres ás 16.00 horas para aqueles interesados en xogar na xornada do sábado. O prezo para participar é de 15 euros para os socios e 35 para o resto de persoas interesadas en xogar. O presidente do Club de golf Campomar agradeceu “a colaboración sempre tan estreita do Concello de Narón” e incidiu en que a entidade deportiva aposta por “continuar potenciando este torneo pero fundamentalmente o golf, que segue sendo un deporte minoritario e considerado elitista”. Castro destacou a relación do club coa parroquia en xeral e coa asociación veciñal e a cooperativa do Val en particular, asegurando que “entre os nosos obxectivos está tamén a integración do club na socidade naronesa e na comarca de Ferrolterra”. Finalmente, o concelleiro de Deportes, destacou o traballo que realiza a entidade dende a entrada en funcionamento do campo, no ano 2005, e posteriormente da Casa Club, no 2007. “A través do club de golf Campomar esta cidade incrementa a súa oferta deportiva, con servizos como clases e mesmo unha escola infantil para a práctica desta modalidade deportiva nunhas instalacións moi completas”. Santalla animou á participación neste torneo, ao que lle desexou “moitas máis edicións e moitos éxitos esta fin de semana e nas vindeiras convocatorias”.
www.naron.es