Concello de Narón
Novas
MARIÁN FERREIRO ENTREGOU AO PALISTA MARTÍN LÓPEZ GONZÁLEZ PERMIO AO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2023"
A alcaldesa entregou a distinción, xunto con outros premios, no transcurso da XXXIV Gala do Deporte celebrada no Pazo d Cultura
Narón, 17 de novembro de 2023. Unhas novecentas persoas reuníronse esta noite no Pazo da Cultura para asistir á trixésimo cuarta edición da Gala do Deporte de Narón. O evento deu comezo ás 21.00 horas e nesta ocasión a alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou ao remate do acto como é tradicional, o premio “Mellor Deportista de Narón” ao palista eumés Martín López González, actualmente no Club Náutico Firrete, de Pontedeume. No transcurso da Gala a rexedora local estivo acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla, concelleiros e concelleiras da corporación local e representantes de clubs deportivos locais e ANPAS, que se encargaron tamén de entregar as distincións a deportistas nominados nas diferentes modalidades, e de deportistas e familiares. En canto á traxectoria de Martín López González, no transcurso da gala repasouse parte da mesma, recordando os seus inicios no Club Piragüismo Narón, onde se formou nas categorías benxamín, alevín e infantil. Acumula numerosos recoñecementos e premios en campionatos autonómicos, nacionais e internacionais, entre eles a primeira posición no Campionato do mundo Sprint olímpico en K1 de 5.000 metros celebrado en Italia, e tamén foi campión da I Copa de España Sprint Olímpico en K4 de 1.000 metros en Asturias; campión de España Sprint Olímpico en K4 de 500 metros en Pontevedra, campión galego de K1 en 5.000 metros en Ourense… entre outros méritos. Na súa intervención, Marián Ferreiro destacou o orgullo de ver o importante que o deporte chegou a ser en Narón, asegurando que “hoxe en día, pensar en Narón é pensar en deporte”. A rexedora local explicou que na actualidade están rexistrados máis de oitenta clubs de diferentes modalidades deportivas, con milleiros de persoas practicando algunha desas modalidades. Ferreiro reivindicou na súa intervención o papel do deporte “como nexo de unión, ao unirnos por riba das nosas posibles diferenzas”. A alcaldesa agradeceu “a todas as naronesas e naroneses que fan do deporte un dos nosos sinais de identidade. Dá igual se o practican por saúde, por pásalo ben, por competir, por superación persoal, o importante é facelo”. Felicitou tamén Ferreiro ás nominadas e nominados nesta gala “polo importante exemplo que sodes para o resto. Sodes un orgullo para nós e quero animarvos a que sigades adiante e a que contaxiedes a máis xente para que practique deporte”. E tivo palabras de agradecemento para as familias e os clubs locais, “porque sen o voso esforzo todo isto sería imposible”, os clubs e o persoal do Padroado de Deportes, así como para exedís e o actual edil da área e o xurado da gala. Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, á fronte desta área municipal dende hai uns meses, recoñeceu sentirse “moi ben acollido” polo tecido deportivo da cidade. O edil comprometeu “todo o meu traballo e apoio para que as e os deportistas de Narón continúen acadando grandes triunfos aló onde nos representen” e destacou a canteira existente na localidade nas diferentes disciplinas. Santalla recordou aos seus predecesores no cargo e tamén a implicación da alcaldesa da cidade co mundo do deporte. Tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para os deportistas e tamén para os directivos, o persoal dos clubs, o do Padroado de Deportes… para finalmente animar ao colectivo “a seguir loitando día a día para dar o mellor de si cada día”. No transcurso do evento nomeouse Deportistas do ano nas modalidades de atletismo, automobilismo, automodelismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, boxeo savate, carreira de montaña, ciclismo, colombofilia, esgrima antiga, fútbol, fútbol sala, golf, judo, kárate, karting, kickboxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye-slot, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, tríatlon, voleibol, xadrez, ximnasia artística e rítmica. Así mesmo, entregáronse tamén as Mencións Especiais á Mellor promesa a Borja López González, do Club Náutico Firrete; “Mellor proxección deportiva”, a Iago Fuertes Leonardo, do Club de Pádel Narón; “Mellor adestrador”, a Anxo Grandal García, do club Tiro con Arco Narón; polos seus logros deportivos individuais e colectivos acadados ao longo deste ano a Sara Guerrero Manso, da Agrupación Deportiva Náutico Narón; á “Mellor traxectoria deportiva” a José Antonio Prieto, do Club Atlético Osasuna; polos seus logros deportivos obtidos ao longo deste ano, a David López Fernández e Jéssica García Pérez, do Club de Baile Deportivo Un Paso Adelante (UPA); polos seus logros deportivos individuais e colectivos acadados ao longo deste ano a Héber Pena Picos, do Racing Club Ferrol; polo seu traballo e dedicación ao deporte de Narón, a Antonio López Freire, da Sociedade Deportiva O Val, e ao “Mellor Club”, á Agrupación Deportiva Náutico Narón. No trascurso da gala, presentada polo xornalista Alfonso López, púidose ver un vídeo adicado aos deportistas e clubs locais e tamén as actuacións de Fussion Dance, Free style e Paso a paso. A XXXIV Gala do Deporte de Narón rematou co acto de entrega do premio a Martín López González como Mellor deportista de Narón deste ano, de mans da alcaldesa, Marián Ferreiro, e cunha fotografía de familia no escenario do Pazo en recordo desta edición do evento.
www.naron.es