Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA RECIBIU NO SALÓN DE PLENOS ÁS INTEGRANTES DE LIL KIDS, GAÑADORAS DA NOVENA EDICIÓN DO CERTAME "GOT TALENT ESPAÑA"
Marián Ferreiro e Ibán Santalla interesáronse pola experiencia do grupo no certame e felicitáronas polo éxito acadado
Narón, 26 de decembro de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recibiron esta tarde no salón de plenos do Concello aos integrantes de Lil Kids, un grupo de baile da academia naronesa Paso a Paso, de entre 11 e 17 anos que gañou recentemente a novena edición do certame Got Talent España, de Tele 5. A fusión de danza urbana e música tradicional e a espectacular posta en escena fixo que o grupo, dirixido polas irmáns Patri e Pau Maceiras e Tati Díaz, obtivese o respaldo maioritario co que conquistou a xurado e público. A súa actuación adicada ás meigas posicionounas entre os catro finalistas deste certame para convertirse a continuación nas gañadoras do mesmo, obtendo o recoñecemento público e un premio de 25.000 euros. A alcaldesa da cidade interesouse pola súa experiencia, se ben xa falara con representantes da formación sobre as actuacións anteriores no certame e os ensaios realizados previamente. Ferreiro e Santalla trasladaron os seus parabéns ás integrantes de Lil Kids e incidiron no orgullo que supón contar na cidade cunha academia de baile “que estea acadando un recoñecemento tan importante a nivel nacional e que, de seguro, abrirá moitas portas para poder seguir desfrutando e facendo desfrutar ao público”. As integrantes de Lil Kids, moitas delas bailando dende os tres anos, contaron a súa experiencia e valoraron positivamente a súa participación no certame, o seu primeiro nunha televisión nacional. Dende o equipo explicaron que estiveron durante oito días ensaiando moitas horas para preparar a final, un traballo que finalmente viron recompensado co primeiro posto. Aseguraron tamén estar aínda asimilando ese premio, xunto coas súas familias, algunhas das que estiveron presentes na recepción. Ferreiro entregoulles uns agasallos institucionais en recoñecemento ao éxito acadado e desexoulles que este novo ano que está a piques de comezar sexa tan exitoso, cando menos, que este 2023.
www.naron.es