Concello de Narón
Novas
UN TOTAL DE 326 PERSOAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NA "TRINTAEUNDOCE", A SAN SILVESTRE DE NARÓN
O edil de Deportes, Ibán Santalla, informou de restricións temporais na circulación durante a xornada nun tramo da estrada de Castela
Narón, 29 de decembro de 2023. A cidade acollerá este domingo, día 31, a “Trinataeundoce”, a tradicional San Silvestre de Narón. O edil de Deportes, Ibán Santalla, destacou a elevada participación nesta proba, que reunirá a un total de 326 persoas de diferentes idades. “Un ano máis despedimos o ano na cidade con este evento deportivo que se desenvolverá a primeira hora da tarde por un tramo da estrada de Castela”, recordou Santalla. A carreira conta coas categorías Master (1987 e anteriores) e Senior (2007-1988), que sairán ás 16.50 horas para percorrer un tramo de 3.112 metros (dúas voltas); Promoción (2014-2008), con saída ás 16.30 para un tramo de 1.556 metros e Pitufos (2015 e posteriores) que sairán ás 16.20 e horas e percorrerán 200 metros. Hoxe entréganse algúns dorsais, se ben tamén se poderán recoller mañá sábado ata as 21:00 horas no establecemento Decathlon Ferrol, e o propio día 31 na oficina de turismo do Concello, no parque de Freixeiro, dende as 15:15 horas. A saída e a meta fixáronse na estrada de Castela e un tramo do vial –entre a residencia San José de Piñeiros e as proximidades da rotonda de Freixeiro- permanecerá pechado ao tráfico rodado o propio domingo, dende as 16:00 horas ata finalizar o paso dos participantes, aproximadamente sobre as 17:45 horas. Os condutores disporán de viais alternativos, que estarán debidamente indicados. Dende o Concello agradédese a implicación do persoal voluntario, SPEIS e Policía Local que velarán pola seguridade desta proba e solicítanse de antemán desculpas polas posibles molestias que poida ocasionar a proba no tráfico rodado pola zona.
www.naron.es