Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA REIBIU NO CONCELLO AOS INTEGRANTES DE NARÓN KIDS
Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Ibán Santalla, reuníronse coas integrantes do grupo no salón de plenos
Narón, 3 de xaneiro de 2024. Os integrantes de Narón Kids, do Club de Baile Deportivo Narón xunto co seu presidente, Jesús Marcos, reuníronse este mediodía no Concello coa alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, no salón de plenos. A rexedora local recibiu ao grupo no Consistorio co fin de felicítalo persoalmente polos éxitos deportivos acadados durante o pasado ano. As once rapazas e o rapaz que integran Narón Kids teñen entre 16 e 21 anos e a maioría residen en Narón. No útlimo ano alzáronse co primeiro posto no Campionato galego de danza coreográfica, a Copa Federación e o Campionato de España de categorías absolutas, tal e como recordaron. Ferreiro destacou a súa traxectoria durante as últimas tempadas, especialmente a do pasado ano, e tamén o feito de que se trate dun dos primeiros grupos que comezou, a nivel estatal, a bailar danza coreográfica. “Levades moitos anos ensaiando e o voso traballo e esforzo está tendo a súa recompensa gañando estes campionatos e, no caso de non acadar o primeiro posto, quedando no segundo, o que tamén é de por si todo un éxito e un exemplo para moitos deportistas”, recalcou a alcaldesa. Os integrantes de Narón Kids contáronlles aos representantes do goberno local algunhas anécdotas da súa participación nos diferentes campionatos e agradeceron o apoio do Concello ao baile deportivo. Dende o club local entregaron á alcaldesa unha réplica da medalla obtida no campionato estatal do pasado ano como sinal dese agradecemento. A alcaldesa e o edil de Deportes entregáronlles tamén uns agasallos institucionais e realizaron finalmente unha fotografía de grupo en recordo da visita.
www.naron.es