Concello de Narón
Novas
PRETO DE MEDIO MILLEIRO DE PERSOAS PARTICIPARÁN ESTE DOMNIGO NA "III CARREIRA E ANDAINA POLA IGUALDADE"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, destacou a gran acollida da convocatoria, enmarcada nos actos do 8M, Día Internacional da Muller
Narón, 1 de marzo de 2024. Preto de medio milleiro de persoas -en total 465, a práctica totalidade das prazas dispoñibles, que eran 500- participarán este domingo, día 3, na terceira edición da “Carreira e andaina pola Igualdade” organizada polo Concello no marco do programa de actos do 8M, Día Internacional da Muller. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, que destacou o éxito desta nova edición dun evento “no que todas e todos queremos dar visibilidade á necesidade de continuar loitando pola igualdade real entre os homes e as mulleres”. Das 465 persoas inscritas, un total de 207 participarán nas carreiras de adultos e 114 nas de menores, se ben na andaina están anotadas outras 144 persoas. A saída e a meta da carreira, tal e como se recordou, será das inmediacións do pavillón polideportivo municipal da Gándara. A partir das 10:00 horas sairán os primeiros corredores, os nenos e nenas. Con categorías entre os 100 metros dos benxamíns e os 5.000 metros da categoría absoluta disputaranse as diferentes probas. A andaina terá un percorrido de 4.500 metros e os participantes comezarán a camiñar ás 11:15 horas, quince minutos despois de saír os corredores da absoluta. O evento contempla premios para as tres primeiras mulleres e homes da categoría absoluta e tamén para as tres primeiras e primeiros das categorías non oficiais. A participante de maior idade feminina que remate a proba terá un premio e os nenos e nenas levarán unha medalla pola súa asistencia.
www.naron.es