Concello de Narón
Novas
O "XXIII TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIDADE DE NARÓN" E O "CAMPIONATO GALEGO DE STANDARD" CELEBRARANSE O 7 DE ABRIL
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos, presentaron o evento
Narón, 27 de marzo de 2024. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos, presentaron hoxe o “XXIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón” e o “Campionato Galego de Standard. Santalla avanzou que este evento se desenvolverá o vindeiro 7 de abril no pavillón polideportivo da Gándara. “Trátase dunha das probas máis consolidadas a nivel autonómico e nacional, puntuable para o ranking nacional”, asegurou. O trofeo disputarase en cinco modalidades: standard, latino, singles, caribeños e danza coreográfica, tal e como apuntou Marcos, que destacou a importancia da súa celebración, así como a do campionato autonómico de standard, na cidade. A convocatoria desenvolverase en horario de mañá e tarde, dende as 10:00 ata aproximadamente as 20:00 horas. “Queremos agradecer a aposta do Concello de Narón por esta disciplina, que fai que a cidade sexa coñecida en todo o territorio estatal no ámbito do baile deportivo”, recalcou o presidente do Club de Baile Deportivo Narón. Pola súa banda, o edil de Deportes, subliñou tamén a importancia de que a cidade acolla este vixésimo terceiro Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón. “Narón é un referente a nivel nacional e tamén internacional no baile deportivo, unha modalidade que practican persoas de diferentes idades e na que celebramos ano tras anos os seus éxitos e logros”, recalcou. Santalla animou á cidadanía a acudir a este evento, para animar aos deportistas locais que participarán no mesmo, aos que lles desexou moitos éxitos, e tamén ao resto de deportistas que se achegarán dende outras localidades.
www.naron.es