Concello de Narón
Estatutos
Capítulo I Obxectivos, natureza e funcións
Capítulo II Órganos de Goberno e Administración...
Capítulo III Do persoal
Capítulo IV Dos recursos
Capítulo V Dos usuarios
Capítulo VI Normas complementarias
Capítulo VII Disolución e liquidación

ÓRGANOS DE GOBERNO E ADMINISTRACIÓN

ARTIGO 5.- Os órganos de goberno e administración do Padroado serán:

  • A Asemblea Xeral.
  • O/a presidente/a.
  • O/a vice-presidente/a.
  • O/a administrador/a-xerente.

SECCIÓN PRIMEIRA DA ASEMBLEA XERAL

ARTIGO 6.- A Asemblea Xeral asumirá o goberno e control superior do Padroado, e estará constituída polos seguintes membros:

  • Presidente/a: o alcalde ou alcaldesa, que poderá delega-la súa presidencia no vice-presidente/a. Neste caso o número legal de membros para efecto de quórum mínimo para a válida constitución da Asemblea reducirase en 1.
  • Vice-presidente/a: O concelleiro/a delegado/a de Deportes.
  • Vocais: Un concelleiro ou concelleira por cada partido político con representación municipal.
  • Un representante das APAS dos colexios públicos de Narón.
  • Seis representantes das disciplinas deportivas federadas, distintas entre si, cun mínimo de dous anos de antigüidade, no Concello, elixidos por elas, e que estean inscritas no Rexistro de Clubs e Asociacións do Concello de Narón.
  • O/a administrador/a-xerente, con voz pero sen voto.
  • Un coordinador ou unha coordinadora deportivo/a, que deberá ser licenciado/a en Educación Física, con voz pero sen voto.

ARTIGO 7.- Como asesores/as-colaboradores/as da Asemblea Xeral poderán asistir ás súas reunións, con voz pero sen voto, coa comunicación previa do organismo ó que representen ou acordo da propia Asemblea Xeral:

  • Un representante das AA.VV.
  • Os/as especialistas en materia técnico-deportiva e mantemento de instalacións deportivas.

ARTIGO 8.- Corresponden á Asemblea Xeral as funcións seguintes:

  • Aproba-los programas de actuación e as súas revisións, así como someter á aprobación do Concello Pleno os presupostos extraordinarios que así o precisen.
  • Representa-los intereses do Padroado e das súas instalacións, no ámbito da súa actuación, por mediación do seu presidente/a ou persoa en quen delegue, perante as autoridades e organismos públicos e privados.
  • Dirixir, inspeccionar e adopta-las medidas necesarias para a mellor planificación e funcionamento do Padroado.
  • Autorizar toda clase de actos e contratos no ámbito da súa actuación e na organización e funcionamento das instalacións deportivas, reponsabilizándose do mantemento das instalacións.
  • Abrir ou pecha-las contas bancarias necesarias para o desenvolvemento das funcións do Padroado.
  • Interpoñer toda clase de accións de reclamación en defensa dos intereses do Padroado.
  • Aproba-la memoria de actividades desenvolvidas durante o ano, que se trasladará ao Concello Pleno para render informe.
  • Aproba-las obras de amaño e mantemento das instalacións dentro do importe do seu orzamento.
  • Aprobación da proposta do orzamento do Padroado e traslado á Comisión correspondente.

SECCIÓN SEGUNDA DO PRESIDENTE/A E VICE-PRESIDENTE/A

ARTIGO 9.- O presidente/a da Asemblea Xeral do Padroado ou o/a vice-presidente/a, de se-lo caso, ostentan as seguintes atribucións:

  • Representar legalmente ó Padroado en:
    • Toda clase de actos e contratos ante calquera autoridade, organismo e particular.
    • Toda clase de accións encamiñadas á defensa dos seus intereses incluídos os xudiciais ante os tribunais de xustiza de todo tipo e rango.
    • Ostentará tamén a plena representación das instalacións deportivas e a máxima autoridade sobre todo o persoal.
  • Convocar, presidir, suspender e levanta-las reunións da Asemblea na súa condición de presidente/a e executa-los acordos que o dito órgano adopte, sen prexuízo das obrigas que sobre o particular correspondan ó administrador-xerente do Padroado.
  • Adopta-las medidas de carácter urxente, cando as circunstancias impidan convocar á Asemblea Xeral, dando conta a esta na seguinte xuntanza.
  • A dirección e inspección superior da marcha das instalacións e centros deportivos, sen prexuízo da dirección e inspección inmediata do administrador/a-xerente do Padroado.
  • Contratación de obras, servizos, subministración e adquisicións de bens mobles cando o seu importe non exceda de 3.000 €, dando conta na xuntanza seguinte, e debendo ser emitido o informe polo xerente, que xustifique a urxencia da obra.
  • Ordenación de pagos, de conformidade coa lexislación vixente, dando conta na xuntanza seguinte, e debendo ser emitido o informe polo xerente.
  • Admisión de abonados e abonadas ás instalacións deportivas e a súa expulsión, cando se considere procedente de acordo coas normas de réxime interior.
  • Concesión de todo tipo de licenzas e permisos ó persoal do Padroado e a imposición de sancións, agás nos casos de destitución ou suspensión superior a un mes, que corresponderá á Asemblea Xeral do Padroado.
  • A xefatura superior do persoal do Padroado, sen prexuízo da xefatura inmediata que corresponderá ó administrador/a -xerente do Padroado.
  • Exercicio de accións xudiciais ou administrativas, en caso de urxencia e dando conta á Asemblea Xeral do Padroado para a súa ratificación na primeira sesión que se celebre e ordenación da comparecencia nos procesos xudiciais ou procedementos administrativos incoados contra o Padroado.

ARTIGO 10.- O/a vice-presidente/a substituirá ó presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e en aquelas delegacións que especificamente o presidente/a lle confira por escrito, dando conta á Asemblea do Padroado.

SECCIÓN TERCEIRA DO/A ADMINISTRADOR-XERENTE E DO/A COORDINADOR DEPORTIVO.

ARTIGO 11.- A realización das actividades do Padroado e a súa administración baixo as directrices da Asemblea Xeral e do seu respectivo presidente/a, estará a cargo do/a administrador/a-xerente.

ARTIGO 12.- Serán funcións do/a administrador/a-xerente:

  • Executar e facer cumprir, baixo a superior dirección do/a presidente/a, os acordos dos órganos de goberno do Padroado, con suxeición, de se-lo caso, ás disposicións establecidas.
  • Dirixir e inspecciona-los servizos, baixo a superior dirección da presidencia.
  • Asegura-lo bo funcionamento das actividades nas instalacións.
  • Velar pola boa conservación das instalacións e do material para actividades, propoñendo para tal fin as medidas que crea necesarias e responsabilizarse do mantemento, asistencia e sostemento material de carácter xeral das instalacións, por medio do persoal necesario.
  • Exerce-la xefatura do persoal adscrito ó Padroado.
  • Leva-la sinatura do Padroado na correspondencia de orde interna.
  • Prepara-la memoria anual de actividades.
  • Servir de enlace e conexión entre o Padroado e as seccións deportivas integradas neste e das que sexan usuarias dos seus terreos, bens e dereitos.
  • Asistir ás sesións da Asemblea Xeral con voz pero sen voto.
  • As demais que, expresamente, lle confiran os órganos reitores/as do Padroado e os/as seus/súas presidentes/as.
  • Levantar as actas das reunións do Padroado.

ARTIGO 13.- Corresponden ó coordinador/a deportivo/a as funcións seguintes:

  • Executa-los acordos adoptados e vixiar o seu cumprimento.
  • Elaborar co administrador/a-xerente o programa de desenvolvemento técnico dos plans anuais de actividades.
  • Asistir ás sesións da Asemblea Xeral con voz pero sen voto.
  • Executa-los programas aprobados pola Asemblea.
  • Informar á Asemblea Xeral do Padroado de calquera aspecto técnico que lle sexa solicitado por esta.

SECCIÓN CUARTA DOS MEMBROS DA ASEMBLEA

ARTIGO 14.- Os membros da Asemblea Xeral cesarán dos seus cargos nos casos seguintes:

  • Por petición propia, calquera deles que así o solicite.
  • Os concelleiros/as, cando remate o seu mandato corporativo.
  • Os membros elixidos en representación dun sector ou grupo, cando o soliciten os grupos que representan. En caso de non solicitalo só variarán cada 4 anos.
  • O/a administrador/a-xerente e o/a coordinador/a deportivo/a, por acordo da Asemblea Xeral a proposta do/a presidente/a.
  • Cando cesen como directivo/a na entidade deportiva ou disciplina deportiva á que representan, cesarán na Asemblea do Padroado.
  • No caso de que o membro elixido en representación dun sector ou grupo non compareza durante tres convocatorias ó ano, o sector ou grupo nomeará un novo representante á Asemblea do Padroado.

SECCIÓN QUINTA RÉXIME DE SESIÓNS

ARTIGO 15.- A Asemblea Xeral reunirase en convocatoria ordinaria, o último martes dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro. Se este fose festivo o día seguinte. Reunirase con carácter extraordinario para someter a aprobación o orzamento do ano entrante, así como cando o acorde o presidente ou o solicite por escrito unha terceira parte dos membros con dereito a voto. As convocatorias para as reunións irán acompañadas da orde do día e a Asemblea Xeral considerarase legalmente constituída en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes. Se non existise quórum, constituirase en segunda convocatoria, media hora despois da sinalada para a primeira, sendo suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros e, en todo caso, un número non inferior a tres. Será necesario a presenza do presidente e o secretario ou persoa delegada. Os seus acordos serán válidos ó adoptarse por maioría simple dos presentes, co voto de calidade do presidente en caso de empate.

www.naron.es