Novas
 
O CONCELLO COLABORA COA ANPA "ACIBRO" DO COLEXIO JORGE JUAN NA "I CARREIRA-ANDAINA CORAZÓN ACIBRO"
O evento terá lugar o vindeiro sábado, día 5, e os beneficios das inscricións doaranse á Asociación de loita contra a violencia de xénero (Alvixe)
Narón, 1 de outubro de 2019. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá a primeira edición da “Carreira e andaina Corazón Acibro”, organizada pola Asociación de Nais e Pais “Acibro” do colexio Jorge Juan de Xuvia. Á presentación asistiron tamén a directora do colexio Jorge Juan, María José Cazorla; o presidente da ANPA, Antonio Porto, e a presidenta da Asociación de Loita contra a violencia de xénero (Alvixe), Paloma Rodríguez. A cita, tal e como indicou o edil, terá lugar o vindeiro sábado, día 5, no paseo marítimo de Xuvia, e os beneficios das inscricións –que poden realizarse a través da web: www.carreirasgalegas.com- doaranse á asociación Alvixe, para a loita contra a violencia de xénero. O prezo das inscricións é de un euro –a modo de donativo- para as categorías de Biberóns, Pitufos e Escolares e dous euros para o resto, podendo tamén realizarse doazóns a través do Dorsal 0, tanto na modalidade da carreira como na da andaina.
“Este evento é un proxecto educativo no que tratamos de implicar a toda a comunidade do colexio Jorge Juan de Xuvia programando unha actividade deportiva cun marcado carácter solidario”, explicaron. Dende a ANPA do colexio Jorge Juan agradeceron a colaboración do Concello, de Alvixe e do resto de entidades e empresas implicadas no evento. “Esperamos que esta carreira teña continuidade e que participe ademais de xente do colexio, calquera outra persoa que queira colaborar”, apuntou Porto.
A convocatoria consta dunha carreira de catro quilómetros e tamén carreiras para menores (categorías Escolares, Pitufos e Biberóns) para as que en total hai inscritas 115 persoas. No que respecta á andaina, os inscritos totais son 101 persoas a día de hoxe, dos que 69 son da categoría de adultos e os 32 restantes da de menores. A cita dará comezo ás 10.30 horas, coa saída da carreira absoluta, de catro quilómetros e ás 10.33 está prevista a saída da andaina de adultos, de tres quilómetros. En canto ás categorías de Escolares –con saídas ás 11.15; 11.25 e 11.40 horas- (de 2005 a 2012) os percorridos serán de 500 metros, un quilómetro e dous quilómetros, en función da idade, mentres que para os Pitufos, que partirán ás 12.00 horas, será de 150 metros (nados entre 2013 e 2016) e para Biberóns, con saída ás 12.15 horas, de 30 metros. A entrega de premios está prevista ás 12.30 horas, con trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e tamén premios ao gañador e gañadora da carreira absoluta, tal e como indicaron dende a organización.
A convocatoria inclúe a maiores unhas charlas o venres, día 4 a partir das 9.05 horas, no colexio Jorge Juan de Xuvia, nas que se falará sobre “Violencia? Non, grazas” e “Novas tecnoloxías. Ciberacoso”, que tal e como explicou a directora do colexio Jorge Juan impartirá persoal da Policía Nacional a alumnado de quinto e sexto e os catro cursos de Secundaria. “Ao longo do curso organizamos varias charlas e obradoiros no centro sobre esta temática e con este evento tamén apostamos por promover a actividade física, os hábitos de vida saudables e a solidariedade”, explicou Cazorla.
A presidenta de Alvixe felicitou á organización desta carreira e andaina “Corazón Acibro” “por tratar este tema conxugando as bases polas que hai que comezar, a prevención e a sensibilización social, sacando o problema á rúa porque este é un problema social e que temos que abordar entre todas e todos”, subliñou Rodríguez. Así mesmo, avanzou que se impartirán charlas o venres a partir das 12.00 horas a alumnado de Infantil e Primaria “para alertar aos nenos sobre determinados tipos de comportamentos que hai que previr”. No transcurso da “I Carreira e andaina Corazón Acibro” Alvixe instalará na zona de saída un punto de información no que persoal da asociación explicará o traballo que realizan e os recursos que ofrece a entidade.
Finalmente, a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, felicitou aos organizadores da iniciativa e á asociación Alvixe por este evento e “pola visibilidade que lle dará á importancia da loita contra a violencia de xénero e tamén o ciberacoso”. A edil asegurou que dende o Concello “somos moi conscientes deste grave problema e por iso, levamos anos traballando con diferentes colectivos, entre eles os escolares, en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero”.



Últimas noticias
O CONCELLO PRESENTOU UN NOVO CLUB DE PESCA DA CIDADE, O "ESPIÑAZO NARÓN FISHING"
O CONCELLO COLABORA COA ANPA "ACIBRO" DO COLEXIO JORGE JUAN NA "I CARREIRA-ANDAINA CORAZÓN ACIBRO"
O CONCELLO RETOMARÁ ESTE MES O PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" CUNHA ANDAINA CIRCULAR POLO TERMO MUNICIPAL NARONÉS
A ALCALDESA E O EDIL DE DEPORTES PARTICIPARON NO ACTO DE ENTREGA DE TROFEOS DA TERCEIRA FASE DA COPA DE ESPAÑA DE XIMNASIA ESTÉTICA
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS CON ENTIDADES DEPORTIVAS DA CIDADE POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 196.000 EUROS

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal